mércores, 26 de outubro de 2022

A psicoloxía

 Como ben saben, Laura Mariño e mais eu estudamos o Grao en Psicoloxía na USC. Cada unha de nós tiña a súa motivación á hora de estudar a carreira, mais creo poder asegurar que non se cumpriron totalmente as nosas expectativas. Non me entendan mal, adoramos os nosos estudos, e eu, polo menos, estou tremendamente feliz da miña escolla. O que quero dicir é que imaxinabamos que ía ser outra cousa. Nós e, probablemente, todo o estudantado que pasou e pasará polas aulas desta facultade do Campus Vida.

Non sei se coñecen o dato, pero Psicoloxía é unha das carreiras con maior taxa de abandono. Houbo un momento a mediados dos 2000 no que cada ano entraban 300 persoas a estudala, mentres que só chegaban a licenciarse un centenar. Fagan contas. A que se debe isto? Laura Mariño achácao aos medios de comunicación, ao cine e á literatura. Pensen no psicólogo dunha película: o típico home branco intelectual e maior, que tende o paciente nun diván e escoita as súas divagacións durante horas, atopando logo un sentido psicoanalítico ás súas palabras e soños. Ben, nada que ver.

A psicoloxía é, sen dúbida, unha ciencia, e para selo ten que actúar como tal. Os seus movementos, as súas conclusións, deben basearse en estudos contrastados. Por mor disto, as nosas materias inclúen grandes doses de estatística e medicina. Nada de interpretación dos soños. Nada das teorías do señor Freud. 

Por outra banda, Laura teima en que, a maiores, fagamos o Grao en Criminoloxía. Esta é unha carreira que se imparte na Facultade de Dereito, mais a miña amiga sempre di, toda chea de razón, que é o complemento perfecto ás nosas "actividades extraescolares". De momento non estou convencida, pero penso que é a carreira perfecta para ela, non si?

PD: Na foto de abaixo teñen o Módulo A, por onde sempre entramos Laura e mais eu desde Monte da Condesa. 



 

venres, 12 de agosto de 2022

Verán

Paso sempre o verán en Fene, na casa de meus pais. É coma volver ser unha nena, coma se as responsabilidades da vida universitaria desaparecesen por un trimestre. É estar na casa, aínda que dun xeito diferente a cando estou no cuarto 010. 

Ben, quizais non é tan distinto: Laura está aquí comigo. Non quero dicir que viva na miña casa, pero xa saben que a súa familia conserva a antiga vivenda da súa avoa, que era a nosa veciña. Así que está a converterse nunha tradición que veña pasar parte do verán ela soa ao piso, e eu, por suposto, quedo con ela moitas veces. O bo é que temos a meus pais ao lado e iso é unha gran vantaxe: nin Laura Mariño nin eu cociñamos demasiado ben. De feito, en Monte da Condesa acudimos un número de veces preocupante ao comedor, en lugar de prepararnos nós a nosa comida na cociña. 

Preguntaranse que fai Laura Mariño durante o verán. Pois ben, a resposta é que fai o mesmo que durante o inverno, pero sen a complicación de ter que acudir ás clases. Le moito, escoita moita música (e si, a veciñanza quéixase a miúdo desa ladaíña jazz insoportábel) e, non, non vai á praia. A Laura non a metes nun areal nin de broma. A verdade é que a min me amola un pouco porque me encanta, así que, cando quero ir, chamo as miñas amigas do instituto e lembramos vellos tempos.

Con Laura, iso si, cheguei a un punto de encontro: a praia non lle gusta nada, pero tolera bastante ben o río, así que marchamos en ocasións cos meus pais ao Belelle e, incluso, molla os pés na auga con certa desconfianza. 

Poden pensar que non é habitual que dúas amigas pasen tantísimo tempo xuntas, e poden ter razón, pero, a verdade, prefiro ter a Laura sempre preto. É tremendamente divertida cando se propón selo... e nunca se sabe cando vas precisar das súas marabillosas facultades intelectuais.  




venres, 1 de xullo de 2022

Laura Mariño e a literatura

Laura é un rato de biblioteca. Iso quedoulle claro a todo o mundo desde a primeira das nosas aventuras, mais recibo moitas mensaxes pedindo que vos recomende algunha das súas lecturas preferidas. Transmitinlle a vosa petición, mais Laura considera que son os libros quen guían as persoas cara a eles, e non ao contrario. En definitiva, que leades o que vos preste, di.

Mais eu si vos podo contar que é o que le a detective afeccionada máis famosa de Compostela. Pensaredes que é unha adicta á novela negra e, en certo modo teredes razón, pero cun matiz: ERA unha voraz lectora deste tipo de literatura na súa adolescencia. Non hai historia clásica que non lese (O can dos Baskerville? Por suposto. E non quedou ningún? Como non!). Mais non é unha gran amante da literatura negra actual. Demasiadas páxinas para non dicir nada, Sariña, dime sempre. Así que non, non lle regaledes a nova novela de Camilla Lackberg, non a vai ler.

Se algo se pode dicir dos gustos literarios de Laura, ao igual que os musicais, é que son eclécticos e algo obsesivos. Unha tempada pode ler até a extenuación artigos de investigación e teses sobre a psicopatía, para comprender mellor a mente criminal. O estudo que fará do tema será amplo e algo absurdo: pode comezar lendo obras xa refutadas pola comunidade científica desde hai ben anos, simplemente para poñerse en situación, e logo ir avanzando a través dos anos até as investigacións máis punteiras da actualidade. Un aburrimento, xa volo digo eu, pero ela absorbe todos eses coñecementos e logo os utiliza cando lle son útiles. 

Ah! Tamén se está a afeccionar a ler biografías de políticos e músicos. Unha vez vina carrexar un volume de máis de 800 páxinas sobre Mao Zedong. Apaixoante, seguramente. Actualmente anda a ler unha biografía de Miles Davis, o que podemos considerar algo bastante normal, dentro das excentricidades de Lauriña.

Xa tedes lecturas para verán! Ah! Sinto ter estado tan desaparecida. A fin de curso, xa sabedes. Agora, desde Fene, escribirei máis.

Vémonos!


 

xoves, 24 de marzo de 2022

Hoxe falareivos de min

 A xente, na facultade, sempre me di que só falo de Laura nestes escritos. Ben, para iso naceu esta bitácora virtual! Para contarvos de primeira man en que leas anda a señora Mariño e que non vos teñades que informar polos xornais. Xa sabedes que non nos deron máis que desgustos. 

Pero ben. Queredes saber de min? Seguro que coñecedes xa algúns datos: nacín en Fene, teño 19 anos, estudo psicoloxía na USC e son a compañeira de cuarto de Laura Mariño. Vivimos no cuarto 010, onde sempre serán vostedes benvidas. Intúo que non pretendedes que vos conte isto, senón cousas máis persoais. 

Está ben. Comecemos entón polas afeccións: Gústame moito ler, e adoito ler moita novela histórica. Non, na miña vida abrira unha novela negra até que me topei con Laura na residencia e, si, agora, de cando en vez, leo algunha cousiña, sobre todo de novela nórdica, que á miña compañeira, por outra banda, non lle interesa nada. A ela vaille a dedución, o emprego do cerebro para encaixar o crebacabezas. Iso da investigación policial (pegadas e todo iso) non lle chista nin un pouco. 

Que máis? Ah! Fago teatro! Xa o facía de nena, mais logo, na adolescencia, abandoneino. Ao chegar á facultade coñecín a Sonia (non vos terei que falar dela a estas alturas, digo eu) e enleoume nun novo grupo de teatro: Chiculate Company. Non somos moi boas, pero rimos a cachón! Un día aviso por aquí de algunha representación e vides. Non, Laura non participa, como suporedes.

Escoito a música que sae na radio. Creo que esa é unha boa definición. É dicir, que consumo música moderna (Laura chamaríalle "comercial"). Saio por aí algún día que outro a bailar aos locais de moda, e esa é toda a miña relación coa música, a verdade. Non. Repito outra vez: non. Non escoito jazz. Como sobrevivo vivindo no mesmo cuarto que Laura Mariño, entón? Ás veces eu tamén mo pregunto. 

Non, non son unha moza enigmática, a verdade. Simplemente, non quero ser famosa coma Laura.




mércores, 16 de febreiro de 2022

Máis cousiñas sobre os amantes

Chega aos meus ouvidos que Miguel Alonso estará falando de nós (ben, principalmente de Laura) mañá xoves, pola mañá en Ames Radio e pola tarde no ZigZag da TVG2 (ás 16,30 hrs) e, xa presencialmente, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20.30 hrs.

Parolará, disque, do que a prensa deu en chamar "O caso dos amantes de París" e de seguro que lles relata algunhas intimidades que non debería contar. Mais el é así.

Nós, coma sempre, temos traballos e exames estes días, así que non poderemos asistir. Pola contra, Filipe, o conserxe da residencia, manifestou o seu interese no acto, así que igual aparece por alí.

Por aquí lles deixo o cartaz!



luns, 10 de xaneiro de 2022

A música

A música, sempre a música. Se algo é estábel na vida de Laura é a súa afección pola música, concretamente polo jazz. Aprendín grazas a ela nomes case impronunciábeis, coma o de Django Reinhardt  ou o de Stan Getz, músicos e, para min, seres case tan extraterrestres coma a propia Laura. Non logro empatizar eu coa música jazz, se lles son sincera. Demasiadas notas, demasiadas disonancias para o meu pouco educado ouvido. Pero en fin, a residencia en pleno tivo que aprender a convivir con eses sons que adoitan saír dos altofalantes de Laura.

Creo que nunca lle falei de como escoita ela música. Non ten, até o de agora, un tocadiscos ou unha cadena de música propiamente dita, senón que, pertencendo como pertence á xeración dixital, utiliza unha conta de Spotify, na que pica a música que quere ouvir, desde o seu móbil ou a súa computadora. Iso si, gastou unha boa parte da súa bolsa estudantil en mercar uns caros e precisos altofalantes, de gran calidade sonora, que conecta cun cable ou a través do bluetooth. 

Nunca souben que escoitase música pop. Jazz, case sempre jazz, aínda que, ben é certo, nos últimos tempos decidiu explorar outros estilos, como o da chanson francesa. Que malos recordos me trae a voz de Édith Piaf! Supoño que, no futuro, atormentarame con novas descubertas.

En fin. O outro día pasoume unha lista de Spotify con algunhas cancións que escoita acotío, e eu por aquí llela deixo. Que lles guste!








xoves, 2 de decembro de 2021

Nadal

    Se eu lles pregunto cal pensan que é a postura de Laura Mariño ante o Nadal, errarán. Ela é feliz cando se achegan estas datas, desbota a apatía que a envolve acotío e, xúrollelo, parece outra persoa: alegre, cálida.

    Non sei, de certo, cal é o motivo. Sería de agardar, por suposto, que Laura criticase o consumismo que nos invade ao chegar decembro, e aí acertan. Ela arremete contra as marcas comerciais, que aproveitan este tempo de paz e amor para vendernos cousas que non precisamos, que crean necesidades que nin sabiamos que tiñamos. Pode pasar horas disertando sobre iso, mais nada lle quita o sorriso da boca.

    Teño unha teoría, mais non a podo probar. Quizabes Laura viviu os mellores intres da súa vida nestas datas: libre das imposicións escolares, coa súa sempre dispersa familia reunida ao carón da mesa, sendo, por unha vez, unha nena feliz. 

    Nos últimos tempos, xa adulta, sempre garda uns días das vacacións invernais para vir visitar a familia Porto, ou como ela chama a meus pais, o señor P. e a señora P. Son días nos que vexo unha Laura Mariño descoñecida que, mesmo, aparece pola casa cunha barba postiza, imitando o Apalpador. Se vostedes a visen!

    Ah! E aínda que sexa un pouco cedo.... Felices festas!