A música, sempre a música. Se algo é estábel na vida de Laura é a súa afección pola música, concretamente polo jazz. Aprendín grazas a ela nomes case impronunciábeis, coma o de Django Reinhardt ou o de Stan Getz, músicos e, para min, seres case tan extraterrestres coma a propia Laura. Non logro empatizar eu coa música jazz, se lles son sincera. Demasiadas notas, demasiadas disonancias para o meu pouco educado ouvido. Pero en fin, a residencia en pleno tivo que aprender a convivir con eses sons que adoitan saír dos altofalantes de Laura.
Creo que nunca lle falei de como escoita ela música. Non ten, até o de agora, un tocadiscos ou unha cadena de música propiamente dita, senón que, pertencendo como pertence á xeración dixital, utiliza unha conta de Spotify, na que pica a música que quere ouvir, desde o seu móbil ou a súa computadora. Iso si, gastou unha boa parte da súa bolsa estudantil en mercar uns caros e precisos altofalantes, de gran calidade sonora, que conecta cun cable ou a través do bluetooth.
Nunca souben que escoitase música pop. Jazz, case sempre jazz, aínda que, ben é certo, nos últimos tempos decidiu explorar outros estilos, como o da chanson francesa. Que malos recordos me trae a voz de Édith Piaf! Supoño que, no futuro, atormentarame con novas descubertas.
En fin. O outro día pasoume unha lista de Spotify con algunhas cancións que escoita acotío, e eu por aquí llela deixo. Que lles guste!