xoves, 24 de marzo de 2022

Hoxe falareivos de min

 A xente, na facultade, sempre me di que só falo de Laura nestes escritos. Ben, para iso naceu esta bitácora virtual! Para contarvos de primeira man en que leas anda a señora Mariño e que non vos teñades que informar polos xornais. Xa sabedes que non nos deron máis que desgustos. 

Pero ben. Queredes saber de min? Seguro que coñecedes xa algúns datos: nacín en Fene, teño 19 anos, estudo psicoloxía na USC e son a compañeira de cuarto de Laura Mariño. Vivimos no cuarto 010, onde sempre serán vostedes benvidas. Intúo que non pretendedes que vos conte isto, senón cousas máis persoais. 

Está ben. Comecemos entón polas afeccións: Gústame moito ler, e adoito ler moita novela histórica. Non, na miña vida abrira unha novela negra até que me topei con Laura na residencia e, si, agora, de cando en vez, leo algunha cousiña, sobre todo de novela nórdica, que á miña compañeira, por outra banda, non lle interesa nada. A ela vaille a dedución, o emprego do cerebro para encaixar o crebacabezas. Iso da investigación policial (pegadas e todo iso) non lle chista nin un pouco. 

Que máis? Ah! Fago teatro! Xa o facía de nena, mais logo, na adolescencia, abandoneino. Ao chegar á facultade coñecín a Sonia (non vos terei que falar dela a estas alturas, digo eu) e enleoume nun novo grupo de teatro: Chiculate Company. Non somos moi boas, pero rimos a cachón! Un día aviso por aquí de algunha representación e vides. Non, Laura non participa, como suporedes.

Escoito a música que sae na radio. Creo que esa é unha boa definición. É dicir, que consumo música moderna (Laura chamaríalle "comercial"). Saio por aí algún día que outro a bailar aos locais de moda, e esa é toda a miña relación coa música, a verdade. Non. Repito outra vez: non. Non escoito jazz. Como sobrevivo vivindo no mesmo cuarto que Laura Mariño, entón? Ás veces eu tamén mo pregunto. 

Non, non son unha moza enigmática, a verdade. Simplemente, non quero ser famosa coma Laura.