venres, 1 de xullo de 2022

Laura Mariño e a literatura

Laura é un rato de biblioteca. Iso quedoulle claro a todo o mundo desde a primeira das nosas aventuras, mais recibo moitas mensaxes pedindo que vos recomende algunha das súas lecturas preferidas. Transmitinlle a vosa petición, mais Laura considera que son os libros quen guían as persoas cara a eles, e non ao contrario. En definitiva, que leades o que vos preste, di.

Mais eu si vos podo contar que é o que le a detective afeccionada máis famosa de Compostela. Pensaredes que é unha adicta á novela negra e, en certo modo teredes razón, pero cun matiz: ERA unha voraz lectora deste tipo de literatura na súa adolescencia. Non hai historia clásica que non lese (O can dos Baskerville? Por suposto. E non quedou ningún? Como non!). Mais non é unha gran amante da literatura negra actual. Demasiadas páxinas para non dicir nada, Sariña, dime sempre. Así que non, non lle regaledes a nova novela de Camilla Lackberg, non a vai ler.

Se algo se pode dicir dos gustos literarios de Laura, ao igual que os musicais, é que son eclécticos e algo obsesivos. Unha tempada pode ler até a extenuación artigos de investigación e teses sobre a psicopatía, para comprender mellor a mente criminal. O estudo que fará do tema será amplo e algo absurdo: pode comezar lendo obras xa refutadas pola comunidade científica desde hai ben anos, simplemente para poñerse en situación, e logo ir avanzando a través dos anos até as investigacións máis punteiras da actualidade. Un aburrimento, xa volo digo eu, pero ela absorbe todos eses coñecementos e logo os utiliza cando lle son útiles. 

Ah! Tamén se está a afeccionar a ler biografías de políticos e músicos. Unha vez vina carrexar un volume de máis de 800 páxinas sobre Mao Zedong. Apaixoante, seguramente. Actualmente anda a ler unha biografía de Miles Davis, o que podemos considerar algo bastante normal, dentro das excentricidades de Lauriña.

Xa tedes lecturas para verán! Ah! Sinto ter estado tan desaparecida. A fin de curso, xa sabedes. Agora, desde Fene, escribirei máis.

Vémonos!