xoves, 2 de decembro de 2021

Nadal

    Se eu lles pregunto cal pensan que é a postura de Laura Mariño ante o Nadal, errarán. Ela é feliz cando se achegan estas datas, desbota a apatía que a envolve acotío e, xúrollelo, parece outra persoa: alegre, cálida.

    Non sei, de certo, cal é o motivo. Sería de agardar, por suposto, que Laura criticase o consumismo que nos invade ao chegar decembro, e aí acertan. Ela arremete contra as marcas comerciais, que aproveitan este tempo de paz e amor para vendernos cousas que non precisamos, que crean necesidades que nin sabiamos que tiñamos. Pode pasar horas disertando sobre iso, mais nada lle quita o sorriso da boca.

    Teño unha teoría, mais non a podo probar. Quizabes Laura viviu os mellores intres da súa vida nestas datas: libre das imposicións escolares, coa súa sempre dispersa familia reunida ao carón da mesa, sendo, por unha vez, unha nena feliz. 

    Nos últimos tempos, xa adulta, sempre garda uns días das vacacións invernais para vir visitar a familia Porto, ou como ela chama a meus pais, o señor P. e a señora P. Son días nos que vexo unha Laura Mariño descoñecida que, mesmo, aparece pola casa cunha barba postiza, imitando o Apalpador. Se vostedes a visen!

    Ah! E aínda que sexa un pouco cedo.... Felices festas!






xoves, 18 de novembro de 2021

Os amantes de París

Moito se ten falado nos últimos tempos de Alexandre e David. Canto os botamos en falta na residencia. O único que podemos facer por eles (e nisto, aínda que me custe, teño que darlle a razón a Carballosa) é lembralos polo que foron en vida para nós, e non polo oco que deixan coa súa morte.

Neste vídeo faise repaso daqueles asasinatos que nos tocaron tan de preto e que focalizaron a atención mediática en Laura: 


Cóntanme, por outra parte, que Miguel Alonso estará falando deste caso e de nolas dúas o próximo sábado 20 de novembro en Negreira, na AC Gazafellos do Val, ás 12 hrs. Se lles interesa, non deixen de ir. Nós non podemos, porque o luns temos exame parcial de Neuropsicoloxía. Vaian! 

luns, 1 de novembro de 2021

O cuarto 010

    Non se pode entender a Sherlock Holmes e ao doutor Watson sen o 221B de Baker Street, nin a Hercule Poirot e a Arthur Hastings sen as Whitehaven Mansions. Do mesmo xeito, non se pode comprender a Laura Mariño sen o cuarto 010 da residencia universitaria Monte da Condesa, aínda que ela fantasíe, desde que a súa fama é maior, con abandonala e buscar un entorno algo máis privado.

    Sorprendémonos a primeira vez que alguén chamou á porta para lle presentar a Laura un misterio. Logo, co tempo, resignámonos: a xente non ía entender que Laura é unha estudante de Psicoloxía, non unha detective privada. Se coñecen un pouco a miña compañeira, imaxinarán que non sempre recibía esas audaces visitas con amabilidade. As máis das veces, nin sequera escoitaba aquilo que lle viñan contar. Noutras ocasións, ignoro o motivo, avíñase a axudar a algunha daquelas persoas. Así, enleámonos en misterios de todo tipo: roubos, desaparicións e mesmo realizamos algún servizo para Carballosa, o director da residencia. 

    Imaxinan vostedes a Laura noutro lugar que non sexa este? Eu non. 

    PD: Déixolles un vídeo realizado pola USC, por se nunca estiveron en Monte da Condesa. Así verán algún cuarto parecido ao 010 e a Filipe, o noso querido conserxe, que se cruza nun intre por diante da cámara: 



venres, 22 de outubro de 2021

Probando, probando...

  Son Sara Porto e esta é a miña bitácora virtual. Ábroa porque creo que o mundo debe coñecer as aventuras de Laura Mariño, que tamén son, perdoen a falta de modestia, un pouco miñas. 

Lembran o que o Progreso Compostelán denominou o "Caso Quintana"? Dedicáronlle artigos e máis artigos, sen endexamais nomear a miña amiga e todo o que aportou á resolución do caso. Ben, sendo sincera, ela resolveu o caso, co seu extraordinario xeito de pensar, coa súa mente prodixiosa.

Por se non recordan ben de que lles falo, aquí lles queda un vídeo no que se explica un pouco por enriba.

Verémonos por aquí, cando as miñas obrigas estudantís e a conexión a internet mo permitan.

Cóidense!