venres, 12 de agosto de 2022

Verán

Paso sempre o verán en Fene, na casa de meus pais. É coma volver ser unha nena, coma se as responsabilidades da vida universitaria desaparecesen por un trimestre. É estar na casa, aínda que dun xeito diferente a cando estou no cuarto 010. 

Ben, quizais non é tan distinto: Laura está aquí comigo. Non quero dicir que viva na miña casa, pero xa saben que a súa familia conserva a antiga vivenda da súa avoa, que era a nosa veciña. Así que está a converterse nunha tradición que veña pasar parte do verán ela soa ao piso, e eu, por suposto, quedo con ela moitas veces. O bo é que temos a meus pais ao lado e iso é unha gran vantaxe: nin Laura Mariño nin eu cociñamos demasiado ben. De feito, en Monte da Condesa acudimos un número de veces preocupante ao comedor, en lugar de prepararnos nós a nosa comida na cociña. 

Preguntaranse que fai Laura Mariño durante o verán. Pois ben, a resposta é que fai o mesmo que durante o inverno, pero sen a complicación de ter que acudir ás clases. Le moito, escoita moita música (e si, a veciñanza quéixase a miúdo desa ladaíña jazz insoportábel) e, non, non vai á praia. A Laura non a metes nun areal nin de broma. A verdade é que a min me amola un pouco porque me encanta, así que, cando quero ir, chamo as miñas amigas do instituto e lembramos vellos tempos.

Con Laura, iso si, cheguei a un punto de encontro: a praia non lle gusta nada, pero tolera bastante ben o río, así que marchamos en ocasións cos meus pais ao Belelle e, incluso, molla os pés na auga con certa desconfianza. 

Poden pensar que non é habitual que dúas amigas pasen tantísimo tempo xuntas, e poden ter razón, pero, a verdade, prefiro ter a Laura sempre preto. É tremendamente divertida cando se propón selo... e nunca se sabe cando vas precisar das súas marabillosas facultades intelectuais.  




Ningún comentario:

Publicar un comentario