mércores, 26 de outubro de 2022

A psicoloxía

 Como ben saben, Laura Mariño e mais eu estudamos o Grao en Psicoloxía na USC. Cada unha de nós tiña a súa motivación á hora de estudar a carreira, mais creo poder asegurar que non se cumpriron totalmente as nosas expectativas. Non me entendan mal, adoramos os nosos estudos, e eu, polo menos, estou tremendamente feliz da miña escolla. O que quero dicir é que imaxinabamos que ía ser outra cousa. Nós e, probablemente, todo o estudantado que pasou e pasará polas aulas desta facultade do Campus Vida.

Non sei se coñecen o dato, pero Psicoloxía é unha das carreiras con maior taxa de abandono. Houbo un momento a mediados dos 2000 no que cada ano entraban 300 persoas a estudala, mentres que só chegaban a licenciarse un centenar. Fagan contas. A que se debe isto? Laura Mariño achácao aos medios de comunicación, ao cine e á literatura. Pensen no psicólogo dunha película: o típico home branco intelectual e maior, que tende o paciente nun diván e escoita as súas divagacións durante horas, atopando logo un sentido psicoanalítico ás súas palabras e soños. Ben, nada que ver.

A psicoloxía é, sen dúbida, unha ciencia, e para selo ten que actúar como tal. Os seus movementos, as súas conclusións, deben basearse en estudos contrastados. Por mor disto, as nosas materias inclúen grandes doses de estatística e medicina. Nada de interpretación dos soños. Nada das teorías do señor Freud. 

Por outra banda, Laura teima en que, a maiores, fagamos o Grao en Criminoloxía. Esta é unha carreira que se imparte na Facultade de Dereito, mais a miña amiga sempre di, toda chea de razón, que é o complemento perfecto ás nosas "actividades extraescolares". De momento non estou convencida, pero penso que é a carreira perfecta para ela, non si?

PD: Na foto de abaixo teñen o Módulo A, por onde sempre entramos Laura e mais eu desde Monte da Condesa. 



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario